Publicador de contidos

Publicador de contidos

Eric camiña empurrando a cadeira da súa nai, Silvia, para dar visibilidade á esclerose múltiple

Eric camiña empurrando a cadeira da súa nai, Silvia, para dar visibilidade á esclerose múltiple

Eric e Silvia afrontaron este domingo a primeira etapa do Camiño de Santiago portugués, desde Vigo

Hai xa 25 anos que a Silvia Roldán lle diagnosticaron esclerose múltiple

Eric, corredor de maratóns, foi testemuña desde neno da doenza da nai; tiña sete anos cando diagnosticaron a Silvia

G24.gal 15/06/2025 21:35

O catalán Eric Domingo Roldán e a súa nai Silvia, diagnosticada de esclerose múltiple hai vinte e cinco anos, afrontaron este domingo a primeira etapa do Camiño de Santiago portugués, desde Vigo. Ela en cadeira de rodas, e el, corredor de maratóns, empuxando para dar visibilidade a unha doenza que segue sen ter cura.

Como Silvia, das 50.000 persoas que teñen esclerose múltiple en España o 70% son mulleres. É unha doenza autoinmune, dexenerativa e sen cura. Para atopala, para que a ciencia investigue e para visibilizar a doenza, esta nai e o seu fillo levan máis de cincuenta retos, carreiras nas que Eric empurra a cadeira de rodas e Silvia voa. De feito, teñen o récord Guiness 2021 por baixar das tres horas nun maratón.

Nai e fillo partiron da colexiata de Santa María de Vigo nunha primeira etapa que os deixou en Redondela. O primeiro paso dun Camiño de Santiago portugués que van facer en cinco xornadas. O xoves estarán en Compostela para completar o "Camiño de Eric e Silvia por Hyundai", que é a empresa que patrocina cada desafío desta parella.  

Hai xa 25 anos que a Silvia Roldán lle diagnosticaron esclerose múltiple. O seu pequeno Eric, testemuña desde neno da doenza da nai, tiña sete. Xa de adulto como corredor de maratóns decidiu implicar a súa nai nesta loita conxunta por recadar fondos para a investigación da enfermidade.

"Meu fillo díxome: 'Queres correr conmigo?' e eu díxenlle. 'Non. Ti estás tolo'. E el díxome que si. Eu vinllo nos ollos e dixen: 'Pois veña, vamos'", conta a TVG Silvia Roldán.

"Penso menos en min e como me podo sentir. Porque ao final fágoo por ela. E cando vou con ela non me importa se vou nunha subida, ou nunha baixada", engade Eric D. Roldán, corredor popular solidario. 

"Liberdade. Liberdade. Polo aire que respiras, a xente, a paisaxe... liberdade. E vida", conta emocionada Silvia Roldán.

E nesta vida Silvia comezou hoxe a súa grande ilusión, chegar a Santiago como peregrina.

"No momento en que me diagnosticaron a enfermidade, que pensei que se acabara todo... propúxenme facer o camiño de Santiago. Era unha cousa que non sei por que eu necesitábaa. E agora faime moitísma ilusión saber que estou aquí e que vou facelo", di Silvia Roldán.

 "E xustamente hoxe comezamos o Camiño portugués porque é o máis accesible para a cadeira de rodas. Os pais cando os fillos nacemos non saben o que face, van intentando educarnos segundo o que a eles lles ensinaron. Eu creo que o mínimo que podemos facer é intentar devolvérllelo, con respecto e con cariño. E se despois pasan cousas como o da miña nai, pois facer o que eles fixeron por ti. E o que fago eu e é o que todo o mundo faría", explica a TVG Eric D. Roldán, o corredor popular solidario.

Foron vinte quilómetros de Vigo a Redondela na primeira etapa de cinco ata o xoves. A carón deles foi toda a etapa Lúa, unha nena de Vigo coa enfermidade rara de ZARD. O proxecto finánciao Hyundai. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade