Envorca un camión que transportaba porcos en Nogueira de Ramuín
No vehículo viaxaban 180 porcos, e varios deles caeron ao río
O condutor resultou ileso e os servizos de emerxencias traballan na limpeza da vía
Un camión que transportaba porcos accidentouse en Nogueira de Ramuín. Ocorreu pasadas as 7:40 da mañá no quilómetro 553 da N-120, á altura da Carballeira.
Segundo a Garda Civil o vehículo envorcou tras sufrir unha saída de vía por causas descoñecidas. Como consecuencia do impacto, parte dos 180 porcos que transportaba caeron ao río.
O condutor do vehículo saíu polo seu propio pé. Aínda que se atopaba moi mareado resultou ileso, como explica Javier Prieto, do destacamento de Tráfico de Ourense.
Foi un particular quen alertou o 112 Galicia. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Garda Civil de Tráfico, Bombeiros do Polígono de San Cibrao das Viñas, GES do Pereiro de Aguiar e servizos de mantemento da estrada.
Os servizos de emerxencias traballan na limpeza da vía e na retirada do vehículo. A Garda Civil dá paso alternativo aos vehículos que transitan pola zona.