Unha saída de vía provoca un desprendemento de pedras contra as que bateron sete coches en Rianxo
Tres persoas quedaron feridas, unha en estado grave, e dúas tiveron que ser trasladadas ao centro hospitalario de referencia
Imaxe cedida polos Bombeiros de Boiro
Unha saída de vía provocou esta madrugada o desprendemento de varias pedras que acabaron na calzada da AG-11, ao paso por Asados, en Rianxo. Posteriormente, sete vehículos impactaron contra as rochas, que ocasionaron diversos danos materiais.
O suceso produciuse no quilómetro 16, aproximadamente, e o primeiro aviso recibíase no 112 Galicia ás 01:05 horas, a través do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Pouco despois, varios particulares contactaron tamén co número único de emerxencias para informar do accidente. Segundo indicaban, un vehículo sufrira unha saída de vía e envorcara, os tres ocupantes precisaban asistencia sanitaria urxente, aínda que todas conseguiran saír do vehículo polos seus propios medios.
Desde a sala de operacións do 112 Galicia pasouse aviso aos Bombeiros de Boiro, á Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil de Rianxo.
Unha vez no punto, os equipos de intervención confirmaron que o accidente produciuse tras a saída de vía dun vehículo, que posteriormente envorcou.
Antes de envorcar, o coche impactou contra unhas rochas, provocando o seu desprendemento e a caída de pedras sobre a calzada. Como consecuencia, sete vehículos que circulaban pola vía acabaron impactando contra elas e sufriron diferentes danos materiais.
A estrada permaneceu cortada ao tráfico durante aproximadamente 30 minutos mentres se realizaban os labores de limpeza da calzada.
En canto ás persoas feridas, os servizos sanitarios confirmaron que tres persoas resultaron feridas, todas ocupantes dun mesmo vehículo. Dúas delas, unha en estado grave, tiveron que ser trasladadas ao centro hospitalario de referencia