O mosteiro do Divino Salvador abre máis zonas ao público
A Casa das Donas é un dos maiores reclamos desta xoia do románico da Ribeira Sacra
A Casa das Donas, unha edificación destinada para mulleres segrares dentro do Mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón, Lugo, é un dos maiores reclamos para o público logo de que a congregación de monxas que vive no cenobio dicidira abrir esta zona ao público para que a xente poida coñecela durante o percorrido que se fai na visita ao convento, unha xoia do románico na que tamén se reúnen estilos arquitectónicos posteriores.
A Casa das Donas é un edificio magnífico, exemplo da arquitectura tradicional, e formado por varias celas ou estancias, nas que as mulleres segrares vivían acompañadas das súas criadas.
Pero non é a única zona que se engadiu ao percorrido das visitas guiadas, xa que agora tamén se pode acceder, por exemplo, á zona do cemiterio das monxas, un pequeno e humilde camposanto no que están soterradas as relixiosas do mosteiro.
"Trátase de que a xente que fai a visita tamén coñeza un pouco máis a cotiandade das mulleres que habitan este mosteiro de clausura", coméntanos Beatriz Pérez, cofundadora de Máis que Románico Rutas e encargada de facer as visitas guiadas polo cenobio, o único que permanece activo na Ribeira Sacara.