A biblioteca na sala capitular do mosteiro de Montederramo volve abrir por iniciativa dunha veciña
"Dá alegría ver como a vila enriquece, como hai un lugar onde vir coller libros que poida axudar a que a xente pase tempo, lea e xere novos vínculos entre todos os veciños", asegura
Os muros do mosteiro de Montederramo gardan séculos de historia, a que agora queren engadirlle unha páxina máis. Esta sala capitular en tempos lugar de reunión dos monxes volve ser a biblioteca de todos, como cando o colexio aínda estaba aberto.
"E ocurréuseme: e por que non lle propoño ao alcalde que lle parece, o alcalde actual, o que está, de volver a biblioteca ao seu lugar orixinario, que é moito máis grande, máis cómodo. Esta era a sala capitular dos monxes antigamente. e ofrecínme voluntariamente a montar de novo a biblioteca", explica Amelia Lamelas, encargada da biblioteca e impulsora desta iniciativa.
A resposta foi si, e Amelia, sen dubidalo, púxose mans á obra. Recuperou os libros da antiga biblioteca, organizounos e volveu encher os estantes. Hai un mes reabriu as súas portas.
"Non sabes ti o traballo que fixo, que os colocou aquí e está moi ben. Queres coller un libro ou traer algún libro que che sobre ou que o queiras cambiar. Encóntroo moi ben, a min gústame moito ler", conta.
A biblioteca, que xa realizou os seus primeiros préstamos, acolleu recentemente a presentación dun libro e ten previstas algunhas máis.
"Dá alegría ver como a vila enriquece, como hai un lugar onde vir coller libros que poida axudar a que a xente pase tempo, lea e xere novos vínculos entre todos os veciños. E o lugar é espectacular, é moi bonito e con moi boa historia. Creo que non hai un lugar mellor para poder montar unha biblioteca", asegura.
Confían no futuro desta iniciativa, que lles gustaría sirva ademais, para promocionar o valioso patrimonio artístico do concello.