Festa de despedida para os nenos saharauís que pasaron o verán con familias galegas
290 familias galegas participaron este verán no programa Vacacións en Paz, a comunidade con maior número de nenos acollidos
Os días 5 e 7 de setembro voarán de retorno aos campamentos de Tinduf. Nos avións irá tamén un cargamento de axuda humanitaria e material sanitario
A praza de Bugallal, en Ponteareas, acolleu este sábado a festa para despedir aos 305 nenos saharauís que pasaron este verán con familias galegas dentro do programa Vacacións en paz, que dende hai xa 35 anos organiza a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Nenas e nenos que partirán os días 5 e 7 de setembro cara o campamento de refuxiados de Tinduf, en Alxeria.
Unha xornada con algo de tristura porque rematan uns días de descanso, sanación, aprendizaxe e diversión lonxe do deserto, pero sobre todo de sorrisos por compartir unha experiencia que non esquecerán na vida.
"A piscina, a praia, a comida, todo ben!".
"Para min é o terceiro ano, e todo moi ben".
"Todo está xenial, hai moitos nenos e aprendes cousas. Veñen moitos familiares".
"Quero volver, claro, ao Sáhara, porque boto en falta a miña familia", comentan algunhas das nenas e nenos que disfrutaron destas Vacacións en Paz en Galicia.
290 familias galegas participaron este verán no programa, grazas a elas 305 nenas e nenos gozaron unha realidade moi distinta a que sofren no campamento de Alxeria. Para algunhas é a primeira vez pero tamén hai veteranas na experiencia do acollemento.
"Chamei para informarme e xa me decidín ao momento. E solicitei dúas nenas, porque pensei que así ían estar mellor. Pasaron todo o verán comigo, foi unha experiencia fabulosa" asegura unha muller, xa avoa, que decidiu acoller dúas nenas.
"A nai da nena que tivemos este ano xa estivera con nós de acollida. Tritemente faleceu e agora viu a súa filla, que leva xa vindo dende os oito anos. e tamén estivo seu tío", comenta outra nai de acollida que segue a tradición de seus pais e súa avoa, que levan décadas participando no programa Vacacións en Paz.
Galicia foi a comunidade que máis acolleu. Aínda que a chuvia desluciu algo a festa que lle preparou a asociación en Ponteareas, a xornada ten sempre unha carga grande de satisfacción pola labor solidaria.
"O día máis alegre da miña vida é cando marchan os nenos,porque marchan sanos, van coas súas familias, que é do que se trata. Que marchen coas súas revisións, que pasaron un verán extraordinario, iso é o máis importante para nós", sinala Maite Isla, presidenta da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) e tamén da Coordinadora Estatal de Asociaciones Solidarias con el Sáhara (CEAS-Sáhara).
En toda España participaron tres mil rapaces de nove a doce anos. A próxima semana voarán de retorno a África. Nos avións irá tamén un cargamento de axuda humanitaria e medicamentos. En outubro viaxará a Tinduf unha comisión sanitaria para facer seguimento dos nenos e dar apoio aos refuxiados.