Enfróntase coa Policía Local de Pontevedra para impedir a proba de alcolemia á parella
O home estaba fóra de si: "Fixeron falta ata oito persoas para suxeitalo"
A muller que conducía o coche deu unha taxa de 0,86, o triplo do máximo permitido
Delatounos a maneira de conducir, con manobras sen xeito que de por si cheiraban a alcol.
"A patrulla viu un turismo que circulaba de xeito anómalo, mesmo coas luces de emerxencia acendidas, e cando lle deron o alto xa se decataron de que a condutora tiña síntomas claros de conducir baixo os efectos do alcol", explica José Manuel González Abal, Intendente xefe da Policía Local de Pontevedra.
O que non esperaban era a reacción do seu compañeiro, o copiloto, cando lle deron o alto.
"Arrancoulle a boquilla das mans á condutora e empezou a obstaculizar. Empezou a insultar os axentes, a ameazalos e ao saír do vehículo tentou de pegarlle aos axentes nun par de ocasións", engade González.
Xa non houbo quen o parara. O home, un veciño de Valga duns 27 anos, baixou do coche fóra de si. Tan fóra de si que, unha vez conseguiron reducilo, golpeouse a si mesmo contra o asfalto. A violencia do individuo era tal que foi precisa asistencia sanitaria para acougalo.
"Entre os nosos policías, persoal de seguridade, médicos e sanitarios, chegaron a suxeitalo ata oito persoas para que puidesen tratalo porque non había maneira", continúa o xefe da Policía Local.
Detrás, un cóctel explosivo.
"Cando hai un policonsumo de substancias, interfiren unhas nas outras e provocan situacións deste tipo agresivas, de moitísima excitación e violentas", advirte González Abal.
Xusto o contrario da actitude da muller.
"A muller tivo unha actitude pasiva. Deu unha taxa de alcol de máis de 0`80", confirma o intendente xefe.
Unha cantidade de alcol esaxerada, pero non excepcional. Un condutor dou 1,31, unha taxa en sangue cinco veces superior ao permitido por lei. Como para non se ter en pé.
"O risco é altísimo e a sintomatoloxía soe vir acompañada de deambulación completamente anormal e que non es capaz de manterte firme", avisa.
O home quedou en liberdade, pero investigado por un delito de atentado en grao de tentativa e outro de resistencia á autoridade, que xuntos suman penas polas que podería ingresar no cárcere.