Publicador de contidos

Publicador de contidos

Viveiro prepárase para celebrar a súa Semana Santa de Interese Turístico Internacional

Viveiro prepárase para celebrar a súa Semana Santa de Interese Turístico Internacional

Os actos comezan este venres co paso das Dores, pero as principais procesións serán as de Xoves e Venres Santo, e nelas participan máis de 2.000 confrades

A Semana Santa é un atractivo turístico nestes días e os hoteis da vila colgan o cartel de completo

G24.gal 26/03/2026 14:18

Entramos nas entrañas da Semana Santa de Viveiro, para que unha procesión saia á rúa o traballo comeza aquí. Hai que pasarlles o ferro aos hábitos, preparar os complementos dos confrades e as andas. E así levan máis dun mes.

"Non só son os hábitos, tamén as túnicas, as capas, os capirotes, e isto multiplicado por todas as confrarías", explica Carmen Chipe da Xunta de Confrarías.

Máis de 2.000 confrades procesionan na Semana Santa de Viveiro. Na vila hai unha gran canteira.

 "Temos un coidado especial pola canteira, polo futuro", asegura Carmen.

Hai oito confrarías e en todas elas hai listas de agarda para levalos pasos coas imaxes.

"Temos máis xente que quere levar da que realmente colle debaixo do paso", di Manuel Rey, da Confraría da Misericordia.

A Semana Santa de Viveiro celébrase de forma ininterrompida desde o século XIII e desde o 2013 conta coa declaración de Interese Turístico Internacional. 

"Hoteis e restaurantes ao 100 por cento, canta máis xente, máis dinamismo e iso redunda na economía da vila", asegura Isabel Méndez, xerente do Centro Histórico de Viveiro.

E cada ano vai a máis. Hoteis e restaurantes reforzan o seu persoal.

"Camareiros, axudantes de cociña, cociñeiros, coller persoal para poder atender a todos os que nos visitan", engade Isabel.

Ademais das procesións, a vila conta estes días cun amplo programa de actividades culturais, visitas turísticas que comezan na carpa onde se exhiben todos os pasos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade