Alta ocupación hoteleira con vistas á Semana Santa de Ferrol
Os hoteleiros confían en poder colgar, un ano máis, o cartel de completo
De momento, a ocupación oscila entre o 80 e o 90 por cento
A Semana Santa de Ferrol volve consolidarse como un dos momentos fundamentais para o turismo na cidade.
"Toda a xente agarda pola Semana Santa, xa están á procura de persoal porque é un dos momentos máis significativos para a economía da cidade", explica Luísa Barro, xerente da Asociación de Empresarios de Hostalería.
Agárdase que cheguen á cidade uns 300.000 visitantes. Moitos deles xa teñen as súas reservas para pernoitar.
"Agora mesmo o xoves e o venres temos un 92 por cento de ocupación", di Mercedes Porto, directora do Hotel Almirante.
"Neste momento estamos ao 80 por cento nos días fortes e no 70 os días previos", conta Manuel Martínez, recepcionista do Hotel Alda El Suízo.
"De momento estamos nun 80-85 por cento e contamos encher, sobre todo, os días fortes", comenta Sergi Casado, xerente do Hotel Real.
Serán as reservas de última hora que, ás veces, dependen das previsións meteorolóxicas.
"Se fai bo tempo, as terrazas, a rúa e todo vai estar moi cheo. E se a xente está na rúa, isto significa cartos para os hostaleiros. A Semana Santa axuda a recuoerar estes dous meses que son un pouco máis frouxos", conclúe Luísa Barro.
Pero non só se van beneficiar os hostaleiros, tamén os comerciantes e outros servizos turísticos da cidade. Os anos anteriores, Ferrol cifrou o impacto económico da súa Semana Santa en 40 millóns de euros.