O plan galego de loita contra os incendios contará este verán cunha app para dar avisos
Os cidadáns poderán advertir de incendios aos servizos de extinción, podendo xeolocalizalos
O Pladiga, que será levado esta semana ao Consello Forestal de Galicia, antes de ser aprobado, incrementa a partida destinada á prevención nun 50 %
Arquivo (Europa Press/Carlos Castro)
O Consello da Xunta aprobou este luns as liñas xerais do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) que este venres será analizado o próximo venres polo Consello Forestal de Galicia, antes da súa aprobación definitiva, e que no que se incrementará nun 50 % a partida destinada á prevención, ata chegar aos 75 millóns de euros.
Segundo detallou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, entre as novidades coas que contará o plan están as innovacións tecnolóxicas, que inclúen a ampliación nun 30 % da rede de videovixilancia, para chegar as 241 cámaras en zonas de alto risco, ou a incorporación máis drons.
Ademais vaise habilitar unha aplicación móbil para que os cidadáns poidan trasladar avisos de incendios, que se sumarán aos medios convencionais do 085 e o 112, e que permitirá enviar aos servizos de extinción do lugar, coa xeolocalización precisa, onde está activo o lume. Esta app estará dispoñible a partir do mes de xullo.
Ademais, avanza a Xunta, o plan incorporará un novo avión para a coordinación e observación, cun contrato de catro anos, cun investimento de 3,7 millóns de euros.
O dispositivo sumará outros catro medios aéreos máis, tres avións de carga en terra e un helicóptero pesado, e un convenio con SEAGA para a limpeza das faixas secundarias.
O Pladiga estará integrado por 3.000 efectivos, coa incorporación de 42 novas brigadas, incluíndo unha Unidade de Directores de Extinción (UDEX) que coordina a extinción de grandes incendios, que pasa de 6 a 15 expertos.
Lembraba Rueda que este será o primeiro ano no que o persoal fixo descontinuo traballará durante nove meses ao ano.
Todo iso tras un 2025 no que arderon preto de 120.000 hectáreas en Galicia, especialmente nun mes de agosto con 673 incendios, incluído o de Larouco, máis grande da historia do país, con preto de 32.000 hectáreas, e no que se produciron 2.200 confinamentos e 400 evacuacións durante a campaña.