Aena encarga obras no aparcadoiro de Peinador porque os condutores dan voltas buscando as saídas
Investirá catrocentos mil euros en renovar os carteis e a pintura do estacionamento do aeroporto
Quere simplificar as indicacións para evitar a "contaminación por exceso de sinalización"
A quen non lle pasou algunha vez? Perderse nun grande aparcadoiro é un atranco frecuente pero nalgún caso pode converterse nun problema serio. Así o ve Aena, que acaba de publicar o concurso para realizar obras de renovación no aparcadoiro do aeroporto de Peinador, en Vigo.
O xestor di que cómpre facer melloras que simplifiquen e ordenen a información actual. Na documentación do expediente os técnicos explican que a día de hoxe dous dos catro niveis do estacionamento non teñen saídas ao exterior, se ben está previsto que se abran este ano. E iso, sumado a que as ramplas "teñen sentido de circulación inglés (con xiros á esquerda), provoca que gran cantidade de vehículos dean voltas polos andares buscando as saídas".
"É un aparcadoiro que non parece que estea ben sinalizado, bastante pouco intuitivo ao saír", confirma un condutor.
"Máis ou menos sabía o sitio no que deixara o coche, pero o andar non. Porque cando entrei baixei ao segundo andar (da terminal) pero o segundo non se corresponde co segundo andar do aparcadoiro", engade outro home.
"Un pouquiño complicado, sobre todo á entrada máis que á saída, porque non está claramente sinalizada", apunta outro viaxeiro que acaba de regresar a Vigo.
Efectivamente, Aena admite que tamén se xera confusión na entrada do aparcadoiro "ao ter tres posibilidades de acceso nun mesmo punto e con escaso espazo para manobrar. Pódese acceder á vía de transporte público, ao aparcadoiro rápido e ao aparcadoiro xeral", relata o informe.
Para solucionalo, Aena aproba un concurso para repintar o aparcadoiro e substiuír a sinalización dos catro niveis do estacionamento de Peinador. O contrato ten un presuposto de licitación de 366.675 euros, sen IVE, e un prazo de execución de catro meses.