Durmir coma un rei, unha experiencia asequible
Durmir nun pazo e experimentar as sensacións de señores e fidalgos, rodeados de luxo e confort, é hoxe en día unha experiencia ao alcance de moitos petos
O pazo da Almuzara, en Boborás, ofrécelles aos seus hóspedes a posibilidade de durmir no mesma cuarto onde o fixo o rei Alfonso XIII
Dos dezanove cuartos que ten o pazo da Almuzara, hai un que suscita o maior interese. Conta a lenda que alí durmiu Alfonso XIII, na época de maior prosperidade do pazo, e aínda conserva o ambiente que tería entón.
Anxos Pais Carbia, copropietaria do pazo: "As paredes de pedra, as portas altas, os mobles... detalles da época que fan máis fácil introducirte nese mundo de antano".
O pazo data de finais do século XIX e conserva aínda mobiliario orixinal da época. Construíuno Perfectino Viéitez, un adiñeirado veciño da zona.
"Un home que emigrou, que fixo fortuna viaxando pola Arxentina, Bos Aires... Amsterdam. Dedicouse ao comercio de pedras preciosas. Retornou á súa terra e unha das casas que construíu foi este pazo", explica Anxos.
Os xardíns son outro dos reclamos deste lugar que conxuga a experiencia señorial co descanso e a meditación.
"Realizamos retiros para traballar a parte máis mental e emocional. Que a xente poida descansar aquí de distintas maneiras. Tamén colaboramos co termalismo ourensán", comenta Anxos.
Un edificio do século XIX adaptado ás demandas do século XXI.