Os albergues prepáranse para recibir os peregrinos co arranque da temporada en Semana Santa
Como este ano coincide cedo, algúns abrirán despois, pero nos que xa están funcionando a ocupación roza o 75 %
O peregrino destas datas é principalmente nacional, aínda que tamén xa comezan a chegar os europeos
O Camiño comeza a encherse de peregrinos.
"Normalmente facemos o Camiño nesta época, fóra de temporada, hai menos aglomeracións", conta un peregrino.
En Semana Santa acostuma arrancar a temporada nos albergues, aínda que este ano ao ser máis cedo algúns aínda non están funcionando.
"Quedamos tamén en hostais porque algúns albergues están aínda pechados", asegura unha muller.
Os que están funcionando xa prevén unha ocupación alta para a próxima semana.
"As previsións son boas, agardamos unha ocupación do 75 por cento", asegura Miguel Ángel Rodríguez, presidente de Agalver, a asociación de albergues privados.
O tempo vai ser determinante porque nestas datas o peregrino adoita ser nacional e esperan ata o último momento para planificar a viaxe.
"É peregrino nacional e xa comezan a vir os primeiros europeos", engade Miguel Ángel Rodríguez.
Haberá quen aproveite para vivir tamén as procesións da Semana Santa. Quen faga o Camiño Inglés pode coñecer as de Ferrol; se optan polo Camiño Primitivo, as de Lugo, ou quen continúe ata a Costa da Morte, as de Fisterra. Ademais agora xa se pode reservar albergue a través da aplicación pioneira en Galicia, bookalbergue.com.