O paro dos taxistas contra a competencia desleal dos VTC deixa A Coruña sen servizo
As dúas asociacións maioritarias da cidade sumáronse ao paro de dúas horas deste mércores
Taxistas en folga para protestar pola proliferación dos VTC, os coches de alugueiro con condutor. Uns 350 taxis concentráronse á primeira hora preto do obelisco Milleniun para iniciar unha marcha pola cidade. Falan de total abandono por parte do Concello ante o que consideran competencia desleal.
Por primeira vez a marcha dos profesionais do taxi contou co respaldo das dúas asociacións maioritarias da cidade, Radiotaxi e Teletaxi.
Moitas persoas descoñecían a convocatoria e quedaron agardando nas paradas a algún dos 44 profesionais que operaron en servizos mínimos para garantir os desprazamententos esenciais a centros sanitarios ou de persoas con mobilidade reducida.
Dúas horas sen servizo de taxi na cidade e un gran caos de tráfico durante a manifestación en que os vehículos colapsaron o centro da cidade. Unha nova xornada de protesta do sector que denuncia o intrusismo dos VTC.
"Nos o que pedimos é que sexa igual a lei para todos. Que se cumpra a legalidade e que si estas plataformas están para prestar servizos interurbanos que non fagan servizos urbanos ata que haxa unha regulación ao respecto", comenta Ricardo Villamisar presidente de Autotaxi.
" Vemos que se poñen ao noso carón e a xente chega e sube mentres nos comprobamos na plataforma dixital non está solicitado", di Antonio Vázquez, presidente de Radiotaxi.
Xa están pensando en máis xornadas de folga e non desbotan acudir á xustiza coas súas reivindicacións.