Os taxis da Coruña prestarán servizo en Alvedro mentres estea pechado Lavacolla
Entre o 23 de abril e o 27 de maio, en previsión do aumento de voos no aeroporto coruñés, aumentará o servizo por enriba dos 35 taxis que establece o convenio, asinado a mediados de marzo
Os taxis da Coruña poderán prestar servizo no aeroporto de Alvedro -na marxe dos 35 que están facultados polo recente convenio- mentres estea pechada a terminal compostelá de Santiago-Rosalía de Castro (Lavacolla).
Así se decidiu na reunión da comisión de seguimento do convenio, celebrada este martes, para a prestación do servizo de autotaxi no aeroporto de Alvedro, situado no municipio coruñés de Culleredo.
O acordo, que entrou en vigor o pasado 16 de marzo, establece que hai 35 licenzas de taxi en primeira fila na terminal, das que cinco serán da Coruña, e, ademais, outros 30 condutores coruñeses formarán parte dunha bolsa de reserva.
No encontro deste martes, que contou coa participación da directora xeral de Mobilidade da Xunta, Judit Fontenla; o primeiro tenente de alcaldesa da Coruña, José Manuel Lage; e o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, se pactou que mentres estea pechado o aeródromo compostelán, os taxistas da Coruña poderán prestar servizo en Alvedro.
Máis de 35 taxis
Así, durante o peche do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro (entre o 23 de abril e o 27 de maio) e en previsión do incremento de voos na terminal coruñesa, aumentará o servizo de taxi por enriba deses 35 que establece o convenio, tal como propuxo o Concello herculino.
A Xunta destacou que isto serve para dar unha solución inmediata e eficiente co establecemento durante este tempo dun réxime específico que permita a prestación do servizo de taxi.
Culleredo expuxo que haxa preferencia no inicio de cada servizo aos taxistas de Culleredo, como dita o convenio.
Haberá unha autorregulación da bolsa de taxis da Coruña, para abordar aqueles que deban funcionar cando non estean os 35 de saída, e serán as asociacións coruñesas e o Concello da Coruña quen a regule.
Servizo na árrea metropolitana herculina
A Xunta e o Concello da Coruña sinalaron a posibilidade de que exista unha prestación conxunta do servizo de taxi na área metropolitana.
O Concello da Coruña propuxo "unha área de prestación conxunta de taxis para toda a área metropolitana onde operen todos os taxis da Coruña sen limitacións", segundo indicou o Concelleiro de Economía e Planificación da Coruña, José Manuel Lage.
Lage valorou de xeito positivo a disposición da Xunta a estudar esta proposta, que "permitirá aos taxis competir cos VTC en todo a área metropolitana e incrementar así os servizos aos cidadáns, tamén no aeroporto".
O rexedor de Culleredo, José Ramón Rioboo, demandou a elaboración dun informe exhaustivo cun estudo socioeconómico que determine os municipios para incluír, o rendemento para o colectivo e as melloras no servizo.
"Consideramos que unha visión metropolitana pode ser adecuada para ofrecer un mellor servizo, pero é imprescindible actuar con base nun informe técnico rigoroso que marque a folla de roteiro a seguir para que o resultado traia beneficios reais para a cidadanía da área", expresou.