Os taxistas de Vigo autoprotéxense contra os atracos
Fan escoltas de dous ou tres vehículos para custodiar os servizos sensibles
Cada día no taxi é unha aventura, e hai días perigosos. Sábeno ben a media ducia de autopatróns que foron atracados nos últimos quince días. Unha delas sufriu unha navallada na faciana, pola que tivo que ser atendida polos servizos sanitarios.
O home porta unha gran navalla de cazador que esgrime para que os taxistas lle dean cartos e efectos persoais. Obtivo xa un botín próximo aos 1.500 euros. Actúa acotío e ten os taxistas fartos.
Tanto, que ademais da presión policial optaron por autoprotexerse. Cando notan que a carreira reviste perigo montan unha despregadura de dous ou tres vehículos escolta para protexérense.
O atracador está totalmente identificado, é un toxicómano de preto de 35 anos, un metro oitenta, galego e leva barba.
As carreiras habituais son desde diversos puntos do centro: O Calvario, parada dos grandes almacéns, novos xulgados e vai ata as inmediacións da vella estación de autobuses.
Os taxistas pediron ao Concello que os exima de levar volta de billetes de 50 euros. Non son partidarios do dereito de admisión porque son un servizo público.
Os vehículos actuais non son compatibles con paneis de protección. Prefiren un botón do pánico que os comunique coa policía ou poñer cámaras de gravación nos coches, os que as levan disuaden a moitos que pretenden non pagar a carreira.