O taxi gratuíto de Verea ten os veciños encantados
Unha iniciativa municipal implantada antes da pandemia para facilitar os desprazamentos dunha poboación avellentada e dispersa en numerosas aldeas
Primeira parada na casa de Ramona. Aos seus 93 anos vive soa e presume dunha boa saúde, pero precisa axuda para ir ao médico.
Mónica é a taxista de Verea, a única que hai. Herdou o traballo de seu pai e foi a concesionaria deste servizo municipal que pretende facilitarlles os desprazamentos á xente maior e ás persoas con algunha discapacidade. Polo camiño, dálles conversa. Un servizo extra de asistencia social.
"A min gústame tratar con eles. Ensínanche máis do que un pensa, de agricultura, da vida... de todo. E supoño que eles comigo tamén estarán contentos", comenta Mónica.
O servizo funciona catro días á semana, dous días na zona norte e outros dous na sur. Os veciños chaman de véspera para solicitar o taxi e Mónica coordina os desprazamentos. Adoita facer un mínimo de sesenta quilómetros en cada servizo.
"É xente maior, algún non camiñan ben, están sós...", di Mónica,
Pódeno solicitar para ir ao médico, á farmacia ou para facer xestións no Concello.
"Hai moita xente que non se podería desprazar se non tivera o taxi. O centro de saúde está céntrico pero hai moitas aldeas escagalladas". "Habería que chamar un taxi de Celanova, pero hai que pagalo e este é de balde", sinalan dous usuarios.
Levan sete anos con este servizo adaptado ás necesidades do avellentamento e a dispersión xeográfica no rural.