En Vigo xa venden o polbo por whatsapp
A confraría informa cada semana aos clientes de prezos e dos peixes que chegan a porto
Vender polbo a través de whatsapp é o método que idearon os pescadores da zona de Canido, en Vigo, para aumentar as vendas. A través dun grupo específico, a confraría informa cada semana aos clientes de prezos e dos peixes que chegan a porto.
Co edificio da lonxa arranxado, a confraría tivo un aceno de nostalxia e quixo recuperar o vello costume dos mariñeiros, que vendían directamente no peirao o peixe de cada marea.
Os tempos xa son outros e as novas tecnoloxías permiten agora ampliar mercados. Decidiron daquela crear unha lista de difusión de whatsapp en que se poden anotar todos os potenciais clientes. Coma se fose unha lonxa virtual, calquera pode acceder ao produto que chega a porto.
Con este sistema pretenden dar servizo ao cliente máis próximo e, por outra banda, garantir mellores ingresos para os pescadores, xa que non hai intermediarios.
O produto que máis saída ten é o polbo, porque hai descargas diarias e ten demanda garantida. Por agora son tres barcos da zona os que participan neste modo de venda directa.
O proxecto pretende ademais combater o furtivismo e achegar o produto da ría ao maior número de fogares posible.