Rouban uvas dunha variedade ancestral nunha leira experimental de Sober
A uva cumbrao, unha variedade branca que se usaba para facer viño doce torrado, está en proceso de recuperación
De momento conseguiran enxertar medio cento de vides pero aínda non fixeron a proba de vinificación
Nada se sabía dela desde había un século, e hai tres anos, limpando uns viñedos de Chancis en Sober, apareceu unha cepa no medio das silveiras. Trátase da uva cumbrao, unha variedade branca autóctona.
"Encontramos unha cepa esquelética con tres variñas, a partir de aí enxertamos e multiplicamos", explica o viticultor Suso Verao.
En dous anos conseguiron ao redor de medio cento de cepas da uva.
"Tiñamos as cepas suficientes entre as que temos na leira experimental e as que repartimos coa xente para facer a proba de vinificación", conta Alfonso Campos, encargado da finca onde se recupera esta uva ancestral.
Pero de momento non foi posible facer o viño, non conseguen chegar a ese punto do proceso porque lles rouban as uvas.
"Debe haber alguén que lle ten un amor especial a esta uva", comenta Campos.
A de cumbrao é unha uva que ao madurar adquire unha apetecible cor dourada. Un viño doce moi exclusivo que se reservaba para ocasións especiais e do que xa falaba no seu libro no 1843 o científico monfortino Antonio Casares.