Publicador de contidos

Publicador de contidos

En Medicina Preventiva aconsellan informarse dos riscos de saúde antes de contratar unha viaxe

En Medicina Preventiva aconsellan informarse dos riscos de saúde antes de contratar unha viaxe

Para visitar algúns destinos exóticos hai que vacinarse e non todos os viaxeiros poden

G24.gal 09/08/2025 14:27

A vacina contra a febre amarela é aconsellable para visitar moitos países exóticos e mesmo obrigatoria nalgúns deles. Pero hai viaxeiros, que por idade ou condición, teñen contraindicado poñela.

Por casos coma este, en medicina preventiva, recordan que antes de viaxar o primeiro é informarse.

"Hai que saber os riscos do sitio onde vas antes de contratar unha viaxe porque se despois te tes que vacinar de algo do que non podes, te ves ante o dilema de vacínome ou non vou", subliña a especialista en medicina preventiva Ángeles Bouzas.

Convén tamén pedir cita en Sanidade Exterior ou nas unidades de medicina preventiva con bastante antelación á viaxe.

"Se pode ser con tres meses de antelación ou máis é o ideal porque hai vacinas cunhas pautas que requiren uns tempos que non se poden cumprir se acodes tarde", explica Ángeles Bouzas.

Xa en destino os consellos básicos son coidar o que se bebe e o que se come e protexerse contra as picaduras de mosquitos, que poden transmitirnos enfermidades graves.

Fronte ás voces que falan da maior eficacia dos repelentes comprados in situ, a doutora Ángeles Bouzas recomenda levalos das nas nosas farmacias.

"Paréceme un pouco arriscado utilizar produtos químicos que non sabemos se poden ser tóxicos ou non", argumenta a especialista.

Á volta da viaxe, ante calquera problema de saúde, a especialista aconsella comunicar que se estivo fóra e onde, independentemente do tempo transcorrido.

"Non hai moito houbo un caso de rabia nun viaxeiro que estivera dez meses antes nunha zona de risco", exemplifica a doutora Bouzas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade