Continúa en estado grave a muller tiroteada presuntamente pola súa exparella en Verín
A muller xa denunciara a súa exparella por malos tratos e estaba no sistema de protección de vítimas de violencia de xénero
Está previsto que este martes pase a disposición xudicial o presunto agresor
É o segundo caso grave de violencia machista na provincia de Ourense en menos dunha semana
A muller, de 35 anos, xa denunciara por malos tratos a súa exparella, coa que ten tres fillos de entre 17 e 12 anos. Vivía con el nun poboado de Xinzo e fuxiu hai dous meses para onda seus pais. Foi aí, nunha vivenda de Verín, onde este domingo ao mediodía el comezou a tiros contra ela.
Contan testemuñas que a muller estaba co pai na ventá cando veu o home e comezou a disparar. Dous dos disparos déronlle á muller no peito e nun brazo.
Axiña a levaron ao hospital de Verín, que está a carón da casa, e dende alí, tras unha primeira intervención, foi trasladada ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Segundo conta unha familiar, moi afectada, está na UCI, pero estable. Segundo o delegado do Goberno, Pedro Blanco, non se teme pola súa vida e os menores están a cargo de familiares.
Preto das oito da tarde a Garda Civil detiña o presunto agresor, de 36 anos, en San Cibrao das Viñas. A pistola atopárona os axentes horas despois na súa casa de Xinzo.
O presunto agresor permanece nos calabozos da comandancia da Garda Civil de Ourense e está previsto que mañá pase a disposición xudicial. Este é o segundo caso grave de violencia machista en menos dunha semana en Ourense, despois de que unha muller se precipitase no Barco por unha ventá fuxindo presuntamente da agresión cun coitelo da súa parella.
As dúas mulleres están hospitalizadas no Álvaro Cunqueiro en estado grave.