En bici a traballar
Os coruñeses son os que máis se suman á moda europea de ir ao traballo en bici
A Coruña ten 53 quilómetros de carril bici
Mobilidade urbana rápida, sostible e barata. A bicicleta gaña adeptos máis alá dos momentos de ocio. Cada vez son máis os que a usan a diario para ir ao traballo.
"Úsoa pois catro veces ao día, seis ás veces", comenta unha usuaria do servizo BiciCoruña
O cambio de mentalidade seguindo o exemplo de Europa só é posible se as grandes cidades contan cunha rede extensa de carrís bici. Na Coruña téñena. Suma xa máis de 53 quilómetros.
"Permíteche desprazarte dentro da cidade a todos os lugares, ou sexa, que ao final é un gran servizo da cidade e evita un montón de coches. Eu na cidade xa non collo nunca o coche", apunta outro usuario
Para iso é importante contar cun servizo de alugueiro. BiciCoruña naceu no ano 2009 e dende entón pasou de 150 bicicletas a máis de 600, que se poden coller e deixar nas estacións repartidas por toda a cidade. No 2024 rexistráronse máis dun millón de usos.
"Cada vez máis".
"Vexo xente maior, vexo xente nova, utilízaa moita xente, si".
Aínda que a maioría das bicis son mecánicas, o parque de eléctricas vaise incrementando.
"Si, puxeron cen esta semana, cen eléctricas, e de feito collín dúas esta semana, e a novidade é que teñen velocímetro", conta unha muller.
Ir traballar en bici engancha e está cheo de vantaxes.
"Sobre todo é rápido, rápido é cómodo".
"Eu son máis feliz, póñome máis en forma".
"É un tema san tamén para a ecoloxía e para todos evitar coches, evitar fumes, evitar contaminacións, e agora melloraron coas novas bicis, e o certo é que son marabillosas", contan varios usuarios do servizo de alugueiro.