Publicador de contidos

Publicador de contidos

En Aguiño degustan 450 quilos de navallas na novena edición da festa que dedican ao molusco

En Aguiño degustan 450 quilos de navallas na novena edición da festa que dedican ao molusco

A ración, de máis de 400 gramos, véndese a trece euros

A festa congrega máis dun milleiro de persoas

G24.gal 10/08/2025 16:48

Aguiño presume do seu marisco. Desta volta concretamente das navallas.

"A ría esta nosa é a que mellor navalla ten, a que ten mellores ameixas, nécoras, polbo... É a máis rica que te podes imaxinar", asegura Pilar Millé, da comisión de festas de Aguiño.

Na localidade andan á navalla unhas trintena de embarcacións.

"Aquí cóllese toda mergullando, a unha media de dous mergulladores por embarcación. Traballa moita xente. Véndense diariamente na lonxa de Aguiño 500 quilos", explica o presidente da comisión de festas.

Nesta novena edición da festa recolleron 450 quilos de navallas para saír en racións de máis de 400 gramos. Entre doce e catorce pezas a 13 euros. 

"É a mellor navalla que hai no mundo. Non a come nin o rei porque cando chega a Madrid xa non está como aquí, acabada de pescar e á grella", afirma Pilar.

 "Pódense comer ata crúas. Non é preciso nin cociñalas. O produto bo hai que facelo o mínimo posible", asegura Julio.

Na festa prepáranse ao xeito tradicional, á prancha. Son navallas de tamaño medio, que segundo nos explican son as máis brandiñas. Están no punto nun abrir e pechar de ollos.

"En canto as botas e empezan a abrir, dáslles a volta e en dez segundos ou quince sácalas que están listas", conta Manolo Romano, membro tamén da comisión de festas.

O encontro atraeu máis dun milleiro de persoas, tanto autóctonos coma foráneos. Entre os que chegaran xa á mesa co manxar a opinión era unánime: boísimas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade