Desembarcaron en Fisterra os piratas de Poole para asistir á Festa do Longueirón
O sábado recrearon o desembarco pirata e o domingo a Festa do Longueirón
Os asistentes ateigaron a ribeira para ver a representación pirata que leva 10 anos celebrándose
Fin de semana de longueiróns e piratas en Fisterra. Unha mestura curiosa que xunta o mellor produto da praia da Lagosteira con seres históricos tamén chegados por mar, hai máis de seis séculos, cando os bandidos ingleses viñeron roubar as reliquias eclesiásticas da "Fin da Terra".
Conta a historia que aló polo século XV os piratas ingleses de Poole comandados polo corsario Harry Paye chegaron a Fisterra coa intención de levar a cruz do Santo Cristo, pero bateron cuns fisterráns avezados que non se deixaban roubar e que podían ser tan bandidos coma os que acababan de desembarcar.
"Os piratas viñeron roubar o Cristo e pensaban que o levaban, pero levaban unha cruz falsa".
E ante tal desafío de pillaxes, prisioneiros e rescates non quedaba outra que recrear este desembarco cada primeira fin de semana de agosto, pero sen vencedores nin vencidos e con presenza real dos corsarios británicos
"Son catro piratas de Poole e eles saben que están aquí por amizade, por achegarse a nós, a Fisterra".
E amigos si, pero o enfrontamento hai que celebralo un ano máis, e xa van dez, aínda que non teña maiores consecuencias
"Todos morremos e todos resucitamos. É un milagre do noso Santo Cristo".
Coa ribeira ateigada, os piratas apresados quedaron todos en terra para probar o longueirón que xa leva 32 anos celebrando a súa festa.