Publicador de contidos

Publicador de contidos

O barrio coruñés das Roseiras estrea Entroido de verán

O barrio coruñés das Roseiras estrea Entroido de verán

A festa arrancou cunha andaina solidaria a favor da asociación Artefíos

G24.gal 14/09/2025 17:09

O barrio coruñés das Roseiras presume de ser un barrio unido e festeiro.

"Moi, moi festeiro", asegura unha veciña.

"Somos un barrio moi unido. Coñecémonos todos e cando hai algo que festexar festexámolo", engade outra.

"Somos moi festeiros e disfrazámonos", confirma un rapaciño.

"E sempre xente de aquí, do propio barrio", di outra veciña.

Este domingo os veciños sacaron as perrucas e as roupas máis charramangueiras dos seus armarios para celebrar o seu primeiro Entroido de verán.

"O motivo principal é facer festa e facer barrio, que os veciños se coñezan entre si", explica o presidente da asociación de veciños do barrio das Roseiras, Fernando Carrillo.

Aínda que é un barrio relativamente novo, as Roseiras ten unha tradición de Entroido consolidada.

"Temos unha tradición de 25 anos porque hai unha comparsa composta por uns 200 veciños que participa todos os anos no Entroido da Coruña", matiza a tesoureira da asociación de veciños, Luisa Fernández.

A festa de Entroido de verán que estrean arrancou cunha andaina solidaria, en favor de Artefíos, unha asociación e centro ocupacional pola inclusión de persoas con discapacidade intelectual que ten a súa sede nas Roseiras.

"Fan talleres de xoiería, de baixo lizo, de alto lizo e outros talleres de téxtil", conta a directora de Artelíos, Lorena Trillo. 

Logo da andaína, os veciños tiñan por diante un día completo de festa, con tempo para o vermú, churrascada e tarde de sesión musical e baile. Os participantes acudían con ganas.

"Sempre que podo disfrázome e sempre que hai festa apúntome",confesa un veciño.

 

"É unha forma boa de finalizar o verán e de comezar con forza as tarefas do inverno", opina unha veciña.

 
Os veciños esperan consolidar este Entroido de verán, que ademais queren arrancar sempre cunha acción solidaria.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade