A Xunta detecta catro novos focos de gripe aviaria en seis exemplares silvestres
Son cinco gaivotas e un mascato localizados nos concellos de Sanxenxo, Cee, A Pobra do Caramiñal e Ortigueira
A consellería do Medio Rural detectou seis exemplares de aves silvestres afectados pola gripe aviaria, que constitúen catro focos diferenciados localizados nos municipios de Sanxenxo, Cee, A Pobra do Caramiñal e Ortigueira.
Segundo informa nun comunicado, en Sanxenxo atoparon unha gaivota sombría (Larus fuscus) que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Cerdedo-Cotobade.
Tamén acharon tres gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) en Cee, nun único foco, e outra na Pobra do Caramiñal, ademais dun mascato común (Morus bassanus) no municipio de Ortigueira. Estas aves foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros.
O laboratorio central de veterinaria de Algete, en Madrid, confirmou a infección, polo que eliminaron os cadáveres conforme á normativa en vigor, segundo a nota.
Catorce focos confirmados
Con estes novos casos comunicados ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Galicia suma 14 focos confirmados en aves silvestres en 2025 e, polo momento, ningún en aves de curral.
Segundo a Xunta, en España notificáronse 110 dende o 1 de xaneiro, unha cifra "inusualmente elevada comparada cos datos de anos anteriores".
Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, a Consellería insiste na necesidade de extremar as medidas de bioseguridade nas explotacións, tanto familiares coma industriais.
Do mesmo xeito, pide comunicar de inmediato calquera sospeita aos servizos veterinarios oficiais. No caso das aves silvestres, pódese facer a través do teléfono de atención á cidadanía 012.
Así mesmo, lembra que o serotipo vírico detectado (H5N1) demostrou un escaso carácter zoonótico (contaxio a humanos). Así e todo, recomenda non manipular aves atopadas enfermas ou mortas.