Publicador de contidos

Publicador de contidos

UUAA: "O Mercosur non debera traer grandes riscos e si oportunidades para Galicia"

UUAA: "O Mercosur non debera traer grandes riscos e si oportunidades para Galicia"

O secretario xeral de UUAA comprende "as dúbidas" do sector, pero afirma que "cos datos na man non hai volumes nin prezos que se poidan ver afectados"

Un observatorio permanente de control permitirá actuar "de inmediato" en caso de que haxa competencia desleal 

O secretario xeral de UUAA, Roberto García, nunha entrevista este luns no 'Bos días' da TVG
G24.gal 18/02/2026 10:48

O secretario xeral de UUAA ve como unha "oportunidade" para Galicia o acordo subscrito entre a UE e o Mercosur. Segundo Roberto García, esta alianza nace en resposta á inestabilidade que atravesa o mercado agrario mundial, como consecuencia das políticas arancelarias e dos vetos comerciais, especialmente por parte de China.

Nunha entrevista no Bos días da Televisión de Galicia, García lembrou que, na actualidade, o noso país depende en gran medida do abastecemento de materias primas para alimentación animal procedentes dos países do Mercosur, que supoñen arredor do 70 % do total.

O acordo permitiría importar 3,5 millóns de toneladas de grao e soia, cun valor estimado de 750 millóns de euros, a prezos estables e non suxeitos ás oscilacións políticas internacionais e a "como se levante ese día Trump".

“É normal que estes cambios xeren dúbidas e medos, pero cando analizamos os números en detalle, o único que pode traer para Galicia son máis oportunidades que riscos”, sinalou.

García salienta as garantías, que contempla o acordo, que limitará as cantidades de produtos do Mercosur que poderán entrar na Unión Europea.

No caso do vacún de carne, afirma, a cantidade autorizada sería pequena -mesmo inferior á que xa estaba entrando nos últimos anos- e parte dela sería conxelada. Ademais, no caso de que se producise un impacto negativo nos prezos ou no volume de mercado, o acordo contempla cláusulas de salvagarda que permitirían actuar nun prazo de 21 días.

Un observatorio galego de prezos para evitar competencia desleal

Desde UUAA salientan a creación dun observatorio permanente de control de produtos importados en Galicia acordado coa Xunta. O obxectivo é evitar competencia desleal e garantir que, se se detecta unha concentración excesiva de importacións, se poida actuar de inmediato e non cando o dano xa sexa irreversible.

Tamén se reforzará a identificación da orixe dos produtos, co fin de que os consumidores saiban claramente de onde procede o que consomen. 

A verdadeira preocupación: a PAC a partir de 2028

Máis aló do acordo comercial, o secretario xeral de UUAA sinala que a principal incerteza está na futura reforma da PAC, que apunta a unha posible redución do 20 % no volume orzamentario a partir de 2028, así como cambios nas axudas destinadas á modernización.

"O preocupante é o papel da política agraria comunitaria para garantir as rendas dos gandeiros", afirma, porque "historicamente, a renda dos gandeiros galegos dependeu en gran medida das axudas comunitarias, xa que o mercado apenas cobre os custos de produción".

Con todo, García apela á prudencia. Lembra que aínda quedan dous anos de negociación e que os acordos europeos “sempre se pechan o último día e á última hora”. Por iso, asegura que aínda hai tempo suficiente para defender os intereses do agro galego e dar a batalla en Bruxelas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade