A asociación Balnearios de Galicia celebra o seu 40 aniversario
No acto de conmemoración destacouse que un dos retos principias do termalismo é lograr a inclusión da balneoterapia na carteira de servizos do sistema público de saúde
Recibiu a Medalla da Asociación de Balnearios de Galicia o doutor Juan Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia
A asociación Balnearios de Galicia celebrou cun acto en Santiago o seu 40 aniversario. Estiveron presentes, entre outros, o presidente do Parlamento galego e o conselleiro de Sanidade.
Neste acto destacouse o termalismo como "un sector industrial con vocación de futuro" que ten como un dos retos principias o de lograr a inclusión da balneoterapia na carteira de servizos do sistema público de saúde.
Recibiu a Medalla da Asociación de Balnearios de Galicia o doutor Juan Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia.
"Danos a oportunidade aproveitando a celebración dos 40 anos da Asociación de Balnearios de Galicia para solicitar unha vez máis que nos equiparemos a ese 73,3% da poboación europea que ten dereito a asistencia a balneoterapia dentro da súa asistencia sanitaria", destacou Juan Gestal, profesor emérito da USC.
"Destacar a figura do profesor Gestal, que foi profesor meu, profesor de moitas promocións, un home que nos fixo entender a hixiene e a medicina preventiva, unha materia que era moi difícil, transformouna nunha materia moi amable e nos inculcou a importancia da saúde pública", dixo Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia.