A aplicación terapéutica e con base científica dos recursos naturais
En Galicia danse 85 das 199 plantas terapéuticas recoñecidas pola Axencia Europea do Medicamento
A cura balnearia recómendase para o tratamento e mellora de enfermidades crónicas
A Real Academia Galega de Ciencias celebra en Lugo as XXXVII Xornadas Luis Asorey
Galicia conta cunha enorme riqueza de augas mineromedicinais e os tratamentos nos balnearios son moi beneficiosos para a saúde.
A cura balnearia vai moi ben "para todo o tema de patoloxías crónicas, para o avellentamento saudable, sería boa para a saúde da poboación", sostén Juan Jesús Gestal Otero, doutor en Medicina e Cirurxía, profesor emérito da USC e director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia
Gestal móstrase partidario de incluíla no sistema nacional de saúde, posto que "a cura balnearia demostrou unha ampla eficiencia científica nas patoloxías músculo-esqueléticas, como a artrose; en enfermidades dermatolóxicas, como a psoríase; ou nas que afectan as vías respiratorias".
Ademais dos beneficios curativos, o doutor Gestal Otero destaca o aforro económico que levaría consigo "ao diminuír os consumos de medicamentos e as consultas en atención primaria e hospitais", ademais de favorecer ao medio rural onde son frecuentes as instalacións termais.
Galicia é tamén rica en plantas terapéuticas. Das 199 especies recoñecidas pola Axencia Europea do Medicamento, 116 medran en España, 85 en Galicia. Unha delas é a árnica, que se utiliza para problemas de circulación e para os golpes e mazaduras.
Ante os problemas de estrés, ansiedade ou depresión, a valeriana é un remedio ao que se acode con moita frecuencia e porque ademais, xera menos habituación cos medicamentos sintéticos, explica Antonio Rigueiro, doutor en Enxeñaría de Montes e catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Exeñería do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.
Porén, advirte que calquera preparado a base de plantas pode provocar efectos adversos, como a Herba de Xan Xoán, xa que pode interaccionar con anticoagulantes e antiagregantes polo que "debemos fuxir da automedicación con estes produtos, aínda que sexan naturais" e sempre consultarllo ao médico ou á médica de familia.
Gestal e Rigueiro son algúns dos participantes nas XXXVII Xornadas Luis Asorey. Un ciclo organizado pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación de Lugo, que acolle este mes o Pazo Provincial de San Marcos.