O cume do clima aproba un texto final sen referencia aos combustibles fósiles
O presidente da COP30 comprométese a crear, durante o seu mandato, unha folla de ruta para deixar atrás os hidrocarburos
O presidente da COP30, André Corrêa do Lago. REUTERS/Adriano Machado
Os países reunidos no cume climático da ONU que se celebrou en Belém aprobaron por consenso un documento final que non contén referencia explícita aos combustibles fósiles, mentres chama a aumentar a ambición das accións para enfrontar o quecemento global.
O presidente da COP30, o brasileiro André Corrêa do Lago, recoñeceu durante a súa intervención na sesión plenaria de clausura que algúns países "tiñan maiores ambicións" e comprometeuse a abordar as súas preocupacións ao longo do vindeiro ano.
O texto principal do cume, presentado pola presidencia brasileira, non menciona a necesidade de deixar atrás os hidrocarburos, malia a insistencia da Unión Europea e de países como Colombia.
Tras unhas negociacións intensas que se estenderon durante a madrugada, a referencia explícita quedou fóra do texto ante a negativa rotunda dos países árabes a falar do tema, pero si se "recoñecen", de xeito xeral, as decisións tomadas noutros cumios.
Reacción dalgúns membros das delegacións na COP30. REUTERS/Adriano Machado
Necesidade dunha transición
Na COP28 que se celebrou en Dubai, no ano 2023, estableceuse por primeira vez a necesidade dunha "transición" para deixar atrás os combustibles fósiles.
Corrêa do Lago anunciou este sábado que, baixo a súa presidencia, creará unha "folla de ruta" para esta transición e outra para reverter a deforestación.
No capítulo de financiamento, o texto mantén o acordo alcanzado na COP29 de Bakú para urxir os países ricos a manter o rumbo para achegar 300.000 millóns de dólares anuais aos emerxentes e menciónase o obxectivo de "triplicar" os recursos para accións de adaptación.
Por outra banda, o texto recoñece que o cambio climático "é unha preocupación común da humanidade" e reafirma o compromiso dos países co Acordo de París e coa meta de limitar a 1,5 °C o aumento das temperaturas.
O pleno da COP30 tamén aprobou un documento cunha lista definitiva de "indicadores" para medir os avances nas accións de adaptación ante o cambio climático.
Noutro dos textos votados, establécese un "mecanismo" para levar a cabo unha "transición xusta" que teña en conta as necesidades do persoal afectado polos cambios no modelo enerxético.