Marín revive a historia coa Danza das Espadas
A festividade, con máis de catro séculos de tradición, homenaxea o patrón da vila e a xente do mar
O primeiro domingo despois da festividade de san Miguel, os veciños de Marín despiden o verán cunha celebración secular, a danza das espadas. Un festexo co que se honra o patrón da vila e os mariñeiros e a xente do mar.
"É unha festa moi recomendable para todo o mundo e sobre todo con este día de sol para pasalo en familia e cos amigos", comenta unha das asistentes ao espectáculo.
O baile, que algúns datan de hai catro séculos, transcorre por varios puntos de Marín, onde un cento de participantes asombran a veciñanza cun espectáculo que levan ensaiando máis dun mes.
Nomeada Festa de interese turístico de Galicia, o ambiente de celebración continuou durante toda a xornada para agasallar a singularidade e a riqueza cultural de Marín.