A parroquia vilalbesa de Santaballa enxalza o seu pasado emigrante
Acolleu a XV edición da Feira do Indiano, coa que homenaxean a veciñaza que marchou a Cuba a finais do XIX e principios do XX
A parroquia vilabesa de Santaballa conmemora dende hai quince anos o seu vencello con Cuba, e máis concretamente coa Habana, cidade á que emigraron numerosísimos veciños do lugar.
Para facernos unha idea do que supuxo a emigración en Santaballa temos o dato de que a principios do século XX nesta parroquia había 1.150 veciños, e en Cuba había 160 persoas asociadas á Santaballesa da Habana, a asociación que construíu tres escolas no lugar.
Precisamente, a carón dunha destas escolas celebrouse este sábado un xantar no que os veciños recrearon o seu pasado con vestidos e alfaias típicas de hai un século.
Coa festa tamén recoñeceron o labor a prol do lugar que fixeron os emigrantes. En Galicia houbo 700 sociedades de instrución, recreo e beneficencia; no concello de Vilalba hai catorce delas e dezasete escolas habaneiras.
Todas elas fixéronse grazas aos que marcharon buscando maior prosperidade e despois os seus beneficios repercutiron na terra na que naceron.