Publicador de contidos

Publicador de contidos

"O barco foise ao fondo en cinco minutos"; regresa a Galicia un dos tripulantes do Tafra 3

"O barco foise ao fondo en cinco minutos"; regresa a Galicia un dos tripulantes do Tafra 3

Explica que estaban concentrados na recollida do aparello e que non viron chegar o buque factoría Right Wale

O segundo mariñeiro galego permanece en Mauritania colaborando coa investigación e agárdase a súa volta nuns días

José Manuel Diz foi recibido por familiares e amigos no aeroporto de Peinador José Manuel Diz foi recibido por familiares e amigos no aeroporto de Peinador
G24.gal 17/09/2025 13:24

José Manuel Diz xa está en Vigo. O patrón de costa do Trafra 3, o arrastreiro que se afundiu o pasado día 12 en Mauritania logo dunha abordaxe, chegaba este mediodía ao aeroporto de Peinador.

Visiblemente afectado, abrazábase con familiares e amigos e relataba como foi a abordaxe que sufriron por parte do Right Whale. Di que o barco se afundiu en cinco minutos, e que "non deu tempo a nada". Nel ían 26 tripulantes. Cinco deles, de orixe mauritana, permanecen desaparecidos.

Diz detallou que no momento do sinistro todos os tripulantes estaban na parte exterior do barco, concentrados na recollida do aparello. Di que non viron vir a outra embarcación e que non se explican como puido pasar. Cando recibiron o golpe, deron o aviso. Este mércores, xa en Vigo, asegurou que está ben, e que nunca estiveron arrestados nos momentos posteriores o suceso.

A responsable da empresa armadora, Claudia Martínez, explicaba que o patrón do Tafra 3, o tamén galego Javier Gestido, está ben, e permanece en Nuadibú para colaborar cos investigadores. Nuns días podería estar xa en casa.

 

Martínez di que están pendentes da investigación, pero subliñou que o peor foi a perda de cinco vidas.

Aclarou ademais que non había un terceiro tripulante español, como se dixo nun principio, xa que o xefe de máquinas, de Huelva, cambiara previamente de buque.

Na zona do suceso continúan os labores de busca dos cinco desaparecidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade