Embarcacións a remo feitas á man, protagonistas da recta final da Festa da Dorna de Ribeira
A vila multiplicou por tres a súa poboación durante estas festas
En Ribeira, neste festivo local e día grande, amais de derradeiro das Festas da Dorna, o protagonismo é para a Regata das Embarcacións Feitas á Machada e Propulsadas a Pan de Millo, cita que se completa coa romaría tradicional, pasarrúas con sorpresa secreta, concerto dende unha batea e Asalto ás Fanequeiras, é dicir, aos locais de hostalería, para que gocen milleiros de veciños, visitantes e turistas.
Mínimo por tres multiplica a súa poboación Ribeira durante a semana que dura a súa Festa da Dorna, tamén nesta edición, a 75 das celebracións e a 33 da Gran Romaría Dorneira e da Regata de Embarcacións Feitas á Machada e Propulsadas a Pan de Millo.
"Teñen que ser feitas na casa, co que se teña e propulsadas a pan de millo porque non poden levar ningún tipo de motor nin propulsión. Teñen que ir a remar. Cada peña constrúe a súa propia embarcación, exponas no malecón e despois se levan á praia de Coroso e se fai unha regata con elas. Pero realmente o que se puntúa non é a velocidade senón que se puntúa o bonitas que sexan, o orixinais que sexan, a retranca, sobre todo", explica Fran Crujeiras, da Confraría da Dorna de Ribeira.
"É unha homenaxe a Manuel Ayaso Dios. Era un dos maiores artistas desta vila, era un pintor moi adiantado ao seu tempo, de Ribeira. Acaba de falecer. É unha homenaxe a el, relatan Joaquín Valleiras e Andrés Gude, da Peña Dorneira Backstreet Bois.
"Non todo son embarcacións, tamén temos na Festa da Dorna voo sen motor. Aquí temos a gañadora deste ano, a da peña Os Corsarios. Amais na Dorna tivemos a carreira de carrilanas. Esta é a gañadora do segundo posto deste ano, feita pola peña Os Polbos do Vilar. Fixeron un tractor 1x1", conta Víctor García, da Peña Dorneira Os Rapantes.
Todo e máis para sete días de festexos que non rematan ata cando comeza o día grande de Galicia, cos desexos de pasar de Festa de Interese Turístico de Galicia a Nacional o vindeiro verán.