Blanca Millán, Sés, Baiuca, Castelao... os nomes protagonistas para as Festas do Apóstolo
As festas santiaguesas comezan o día 18 ata o 31 de xullo
Actuacións musicais, espectáculos de fogos artificiais, o pregón...

As Festas do Apóstolo de Santiago de Compostela comezan a semana que vén. Unhas festas cunha aposta pola música galega con actuacións coma a de Sés (luns 21) e Baiuca (domingo 27). Os concertos e actividades desenvolveranse entre o 18 e o 31 de xullo.
Así, as atraccións comezarán a funcionar na alameda dende o día anterior ao comezo das mesmas. Os fogos grandes lanzaranse o 24 de xullo dende tres puntos da localidade. Tamén haberá un espectáculo pirotécnico de peche o 31.
A xogadora de baloncesto Blanca Millán encargarase de dar o pregón do primeiro día de festexos dende o balcón do Pazo de Raxoi.
Ela mesma realizou unha chamada aos promotores, institucións, entidades deportivas, patrocinadores e medios de comunicación para garantir a mesma visibilidade e espazo para o deporte feminino e masculino.
O cartel homenaxea, no Ano Castelao, o escritor e político, reinterpretando unha ilustración feita polo rianxeiro para a mesma celebración en 1912.
O debuxo orixinal pódese ver na exposición 'Traxes e cores de Galicia', no Colexio de Fonseca. Ademais, proxectarase a película 'Antes de Nós', de Ángeles Huerta, que xira arredor desta figura.
A axenda do Apóstolo
A praza da Quintana será o principal escenario das festas. Alí, actuarán Biznaga (venres 18); a cantautora Sés (luns 21); o senegalés Youssou N'Dour (xoves 22); a Real Filharmonía (mércores 23); o compostelán Adrián Costa (xoves 24); Maika Makovski (venres 25); Lura (sábado 26), Baiuca (domingo 27), como peche do Trad Fest, e Samesugas (luns 28) e o espectáculo 'De paseo con Nino Bravo e Serafín Zubiri' (mércores 30)
O Trad Fest celebrarase en varios escenarios repartidos entre Bonaval, a Quintana e Mazarelos.
No parque das Galeras, o foco está na música galega, pois actuarán os combos da Casa do Rock; Aksak; Ker Cuez; Aida Saco; Francisco Castro Trío; os grupos do Centro Xove Patri García e Ginkgobiloba; MJ Pérez e Sheila Patricia.
Na alameda soarán as orquestras Grupo Alcázar, Grupo Bomba, Orquestra Alianza, Orquestra Galilea, Os Coleguitas e Orquestra Miramar. Ademais, o Palco da Música acollerá un espectáculo familiar a cargo das Tareixas.
Pola súa banda, o programa Danza no Camiño terá lugar o 18 de xullo na praza de San Martiño Pinario, con espectáculos de Taiwán, Andalucía, Estremadura e Galicia.
En Mazarelos celebrarase, durante os últimos tres días de festexos, o ciclo Peregrinos Musicais.
Tamén haberá espazo ao cine ao aire libre, regresado co ciclo Compostela Cinema, onde se proxectarán 'Chicken Run 2', 'O segredo do ourive', 'Antes de Nós', 'Xustiza Artificial' e 'Os demos de barro'.
Discurso do pregón
Blanca Millán recolle o papel de Lucía Freitas e Leilía para dar o pregón das festas. Segundo a conselleira de festas, Pilar Lueiro, Millán destaca pola súa arte co balón na cancha e por ser a maior xogadora de Compostela.
Millán conta cun currículo extraordinario. Xogou para as Black Bears da Universidade de Maine para logo formar parte do Spar Granaria, o Ensino Lugo CB e milita agora no Baxi Ferrol.
Espectáculos pirotécnicos
Os primeiros lanzaranse o día 24, na véspera do Día de Galicia, dende a alameda, a escalinata das Fontiñas e a Cidade da Cutura. O espectáculo durará 18 minutos e comeza ás 23:30 horas.
O 31 de xullo terá lugar outro lanzamento como peche das festas que se lanzarán dende a alameda.