O porco celta xa se exporta a Portugal
Comezaron a enviarse leitóns desta raza autóctona para o seu consumo en asadores
Criados entre catro e seis semanas e cun peso de entre dez e quince quilos. Así son os bacoriños de porco celta que se comezaron a exportar a Portugal, cun prezo por exemplar que parte dos 50 euros.
A ampliación do mercado desta raza autóctona foi posible grazas ás xestións de ASOPORCEL cunha cárnica lusa.
"Este matadoiro traballa co porco convencional pero ademais traballa coa raza autóctona de alí, a raza bísara, que se asemella moito á nosa. Son animais longos e estreitos, cunhas orellas grandes, moi demandados nos asadores e restaurantes", sinala Iván Rodríguez, director técnico de Asociación de Criadores de Porco Celta.
O consumo do leitón asado na outra beira da Raia dispárase polo verán e en festas coma o Nadal ou a Semana Santa. A súa demanda complementa, por tanto, a do mercado galego, que ten outro calendario.
"En Galicia a saída comercial é a do animal cebado, cun aumento considerable en época de matanzas e de setembro a marzo. Con esta vía, é algo alternativo a esta comercialización que xa existe", engade Rodríguez.
Actualmente, hai unhas 140 explotacións de porco celta no noso país. Entre nais, sementais e animais de cebo, contan en total cunhas 4.000 cabezas de gando.