Estas son as festas que non podes perder esta fin de semana
O Festival de Ortigueira, O Big Sound Pontevedra ou a Feira Franca de Betanzos, entre as citas imprescindibles
Big Sound Pontevedra: O prestixioso festival de música urbana amplía a súa oferta no norte peninsular coa incorporación de Pontevedra. Artistas como Nicky Jam, Rels B, Amaia ou Tanxugueiras danse cita o 11 e 12 de xullo no Parque de Tafisa.
Festival de Ortigueira: Este mércores 9 arrancaba un festival que ten máis de 45 anos ás súas costas. É unha das citas folk máis agardadas do ano, declarada de Interese Turístico Internacional en 2005. Esta edición conta coa presenza de Milladoiro, Alana ou a Escola de Gaitas de Ortigueira, organizadora do evento. Tamén haberá obradoiros, exposicións e actividades para os cativos ata o 13 de xullo.
Ribadeo Indiano: Durante os días 11, 12 e 13 de xullo, as rúas de Ribadeo transfórmanse para recrear a sociedade de inicio do século XX. O obxectivo do festexo é reivindicar a pegada cultural dos galegos que regresaron de América. A actividade máis agardada é a Xincana Indiana, unha competición por equipos no casco histórico. Tamén se pode gozar de visitas guiadas, exhibicións, concertos e mercados.
Atlantic Pride: Continúa a programación do festival coruñés que defende a visibilidade da comunidade LGTB e organiza actividades culturais como reivindicación do Día do Orgullo. Esta fin de semana reúne nos xardíns de Méndez Núñez artistas como Judeline, Paula Koops, Edurne ou Samantha Ballentines.
Vigo Sea Fest: Celébrase entre o 10 e o 13 de xullo nos xardíns de Montero Ríos e ten como obxectivo promover o consumo de produtos pesqueiros. O evento combina gastronomía, música, actividades para os pequenos e deporte. Entre o máis destacado: bautismos de vela, obradoiros de tecer redes ou de marisqueo e despezado de atún.
Festival Viladomar: Rianxo acolle a sexta edición deste festival de arte urbana en que catro artistas de percorrido como Lúa Gándara ou Yoseba MP crean murais na vila. Ademais ofertan percorridos en barco e rutas teatralizadas polos murais doutras edicións.
Festa do Polbo de Mugardos: A vila mariñeira celebra o 12 de xullo esta festa gastronómica na que veciños e turistas degustan o polbo á murgadesa acompañado de cebola, pementos vermellos e verdes e cachelos. Contarán coa actuación de Trópico de Grelos e Unión y Fuerza.
Feira Franca Medieval de Betanzos: Os habitantes de Betanzos retroceden no tempo para recuperar o seu patrimonio histórico e cultural con esta feira medieval. Os traxes de época, as recreacións e os postos de artesáns enchen as rúas betanceiras esta fin de semana.
Entre os concertos desta fin de semana destacan: o venres 11, Miguel Bosé canta no Coliseum da Coruña. O sábado actúa Leiva no Molle da Batería da Coruña e Ana Belén no Auditorio de Castrelos, en Vigo. Para rematar, o domingo, Marc Anthony interpretará os seus temas máis soados no Molle da Batería na Coruña no marco dos concertos do Xacobeo.