Ecoener obtén en 2025 un beneficio neto de 5,8 millóns de euros, a metade que en 2024
O grupo galego de enerxías renovables pechou o exercicio cun aumento do 20 % nos seus beneficios brutos e uns ingresos de 85 millóns de euros, un 4 % máis ca o ano anterior
"Os últimos anos executamos o maior plan de expansión da nosa historia e hoxe comezamos a ver con claridade o seu impacto no negocio", afirma o presidente da compañía
O grupo internacional galego de enerxías renovables Ecoener pecha 2025 cun beneficio neto de 5,8 millóns de euros, un 52 % menos que en 2024, e cun beneficio bruto de 42,3 millóns -un 20 % máis- nun ano en que obtivo ingresos de 85 millóns de euros, un 4 % máis que o ano anterior. Faino tras executar o maior plan de expansión da historia da compañía.
"Hoxe comezamos a ver con claridade o seu impacto no negocio", sinalou Luis de Valdivia, presidente de Ecoene. "Iniciamos unha nova etapa que nos permite afrontar o futuro con máis seguridade, estabilidade, rendibilidade e capacidade técnica, e cunha diversificación internacional máis equilibrada".
O crecemento vén dado polo incremento da capacidade operativa da empresa. Aumentou un 60 % a súa potencia instalada ata 680 MW, situando a cifra total nos 815 MW, o que supón multiplicar por seis o volume da saída á bolsa en 2021.
Hispanoamérica reforzou o seu papel como principal motor de crecemento, cunhas vendas de máis de 53 millóns de euros, o que representa o 63 % do total.