Jesús Berzosa: "A central reversible de Meirama vai xerar máis de mil empregos"
Cun investimento de 450 millóns de euros, entrará en funcionamento a finais de 2034
O director executivo de Coventina Renovables descarta risco para o abastecemento de auga na comarca
Lamenta os investimentos paralizados no sector eólico polo bloqueo xudicial dos últimos anos
O Ministerio para a Transición Ecolóxica adxudicou esta semana a Coventina Renovables, filial de Tasga, o concurso público para poñer en marcha unha central hidroeléctrica reversible en Meirama, no concello de Cerceda.
O director executivo da empresa, Jesús Berzosa, asegura que este tipo de instalacións, que poden xerar electricidade e almacenar enerxía ao mesmo tempo, funcionan como unha batería pero con características diferentes.
"O que fan estes sistemas é acumular enerxía en forma potencial de auga. Nunha primeira fase bombéase a enerxía dun deposito inferior a un superior consumindo enerxía e nunha segunda fase, cando sexa necesario, túrbinase do depósito superior ao inferior xerando enerxía".
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, salienta a importancia destas centrais nun momento no que se está a producir un cambio estrutural sen precedentes do sistema eléctrico, pola expansión das enerxías renovables.
Segundo explica, para casar a oferta e a demanda en condicións de garantía e estabilidade é necesario un sistema de almacenamento que resolva as cuestións técnicas que poidan xurdir, como desaxustes na produción ou cambios de frecuencia.
"Estas cuestións resólvense hoxe mediante as centrais térmicas que existen pero, posto que nos impuxemos a obriga en Europa de pechalas nun horizonte determinado, os únicos sistemas alternativos para permitir que o sistema electrico consiga esta penetración de enerxías renovables con estabilidade e seguridade son os de almacenamento".
De acordo coas previsións da empresa, a construción podería comerzar a finais de 2028 e non estaría operativa antes de 2034. Cun investimento superior aos 450 millóns de euros, promete xerar máis dun milleiro de empregos nunha década.
Só durante as obras, Berzosa fala de máis de 300 empregos directos e outros 150 indirectos.
"De xeito independente, dentro do concurso que convocou o Instituto de Transición xusta para o acceso á rede eléctrica, comprometimos outras actuacións que implica un número determinado, 1.067 postos de traballo anualizados durante unha década. E unha media de 140-150 traballadores directamente contratados dentro dos concellos da comarca definidos na zona de transición xusta".
Respecto á preocupación expresada por algúns colectivos sobre a posibilidade de que a central poida afectar a calidade da auga ou o abastecemento, o directivo descartou calquera risco neste sentido.
"En ningún caso este proxecto seguirá adiante se hai algunha consecuencia para as augas da contorna. Contratamos á Universidade Politécnica de Madrid e as conclusións son taxativas en canto a nula afección do funcionamento na calidade das augas porque a profundidade do lago é moi alta e os materiais pesados atópanse a unha profundidade de máis de 130 metros da superficie. A toma non ten afección por baixo de 30 metros polo que o rango é moi alto".
Coventina Renovables é unha das empresas afectadas pola suspensión cautelar de varios parques eólicos en Galicia. Para Berzosa, estes autos xudiciais frearon as previsións de investimento na comunidade nos últimos tres ou catro anos.
"É algo que nos ten que facer reformular que tipo de sociedade queremos ter. Se queremos enerxías renovables é difícil manter un discurso no que todos os proxectos teñen problemas ambientais. Parece fóra do sentido común. Agardamos que esta cuestión se resolva a curto prazo posto que o Supremo acaba de confirmar a xurisprudencia respecto a que as tramitacións en Galicia estaban a se facer de xeito correcto".