E o capitán abandonou o barco: 10 anos do naufraxio do Costa Concordia
Morreron 32 persoas. A bordo ían máis de 4.200
Schettino entrou en prisión en 2017. Alí estuda Dereito e Periodismo
Van alá dez anos do naufraxio do Costa Concordia na costa italiana. O transatlántico achegouse demasiado a terra e bateu cun escollo. Cando queban centos de pasaxeiros por salvar, o capitán Schettino abandonou o barco. Morreron 32 persoas. Ían a bordo máis de 4.200.
Era o barco máis grande feito en Italia, 290 metros de eslora. A noite do 13 de xaneiro de 2012 o capitán fixo que o Costa Concordia pasara moi preto da illa de Giglio, na costa toscana, para que a nai dun membro da tripulación puidera ver a nave dende terra.
Case todos os pasaxeiros estaban coa cea. A nave impactou cun escollo e escorouse.
A megafonía falaba dun fallo eléctrico, pedía calma, dicía que todo estaba en orde. Pero os obxectos caían e medraba a confusión.
Capitanía Marítima fala por teléfono co capitán do transatlántico mentres os pasaxeiros van enchendo as lanchas salvavidas.
Na conversa, que se acabou filtrando, queda claro que Schettino xa estaba en terra. O capitán De Falco, encargado do rescate, insístelle a Schettino en que ten volver a bordo.
Schettino sempre sostivo que caera nunha lancha, ata que en 2014 transcenderon unhas imaxes en que se ve agardando para subir a unha mentres quedaban centos de pasaxeiros por salvar.
Logo do naufraxio detiveron a Schettino, que tardou anos en entrar en prisión. Nese tempo escribiu un libro, supervendas en Italia. O Costa Concordia botou dous anos varado e despois remolcárono a Xénova, onde acabou despezado tras 22 meses de traballo.
Francesco Schettino entrou nunha prisión romana en 2017, condenado a 16 anos. Alí estuda Dereito e Periodismo.