Dous sesaxenarios falecidos en Catoira e no litoral de Oia
A Garda Civil investiga a morte dunha muller de 66 anos que apareceu aboiando na piscina da súa vivenda, en Catoira
En Oia, un norteamericano de 64 anos, faleceu cando estaba facendo surf nunha praia do litoral pontevedrés
Foi nesta vivenda da parroquia de Abalo, no concello pontevedrés de Catoira, onde aparecía morta unha muller de 66 anos. Uns veciños deron a alarma cando se decataron de que había un corpo aboiando na piscina da propiedade. Aínda que a Garda Civil abriu unha investigación, os primeiros indicios apuntan cara unha morte por afogamento, xa que o corpo non presentaba signos visibles de violencia.
"Informaron dunha persoa falecida ou caída na piscina. Ata o lugar desprazouse o 061, o GES de Padrón, bombeiros e nós. Pero cando chegamos aquí xa a atopamos falecida", relata Alberto Castro, responsable de Protección Civil de Catoira.
Case ao mesmo tempo, os servizos de emerxencia activábanse de novo, desta vez pola desaparición dun surfista norteamericano nas augas do concello pontevedrés de Oia, na zona de Portosenín. Unha alertante avisou de que aparecera unha táboa de surf na auga e pouco despois, outros deportistas conseguiron localizar e sacar á vítima, un varón de 64 anos en esta inconsciente.
"Colaboramos co 061 en manobras de reanimación cardiovascular básicas pero lamentablemente ao final, despois de corenta minutos, non se puido facer nada pola persoa afogada", confirmaba Avelino Rivero, do GES da Guarda.
Malia as manobras de primeiros auxilios practicadas polos servizos de emerxencia, o home acabou falecendo.