Dous mortos nun choque entre un turismo e un camión en Lugo
Os falecidos son o condutor do coche e o seu acompañante; o camioneiro resultou ileso
TVG
Dúas persoas faleceron nunha colisión que aconteceu este luns en Lugo.
Por causas que se investigan, un camión e un turismo colidiron frontalmente pouco despois das sete da mañá deste luns no quilómetro 4 da estrada LU 530, ao seu paso pola parroquia de Carballido, segundo informa o 112 Galicia.
🔴 #AXEGAInforma de dúas persoas falecidas tras unha colisión frontal entre un camión e un turismo en Lugo.
— 112 Galicia (@112Galicia) January 12, 2026
📍 LU-530, km. 4, ao seu paso por Carballido.
➡️ Como consecuencia do forte impacto, perderon a vida os dous ocupantes do turismo.
🔗 https://t.co/2P39j0eRaa pic.twitter.com/atyuzb9oUE
A central de emerxencias tivo constancia do suceso ás 07:10 horas, a través da chamada do condutor do camión implicado. Na comunicación indicaba que se producira unha colisión frontal entre o seu vehículo e un turismo e advertía da posible presenza de persoas atrapadas no interior do turismo debido á forte violencia do impacto.
O 112 Galicia alertou o 061, os Bombeiros de Lugo, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e os efectivos de Protección Civil. Ademais, tamén foron informados os membros do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.