Detidos dous homes por roubar en vivendas de seis concellos da Coruña
Sobre un deles pesa unha orde europea de detención e entrega de Romanía por feitos semellantes
O xuíz decretou o ingreso en prisión dos dous arrestados
A Garda Civil detivo dous homes por roubos en vivendas en distintas localidades da Coruña. Desprazábanse desde Madrid e asaltaron polo menos seis casas en Bergondo, Oleiros, Sada, Carballo, Miño e Melide.
Elixían domicilios unifamiliares en zonas illadas e aproveitaban a ausencia dos moradores. O xuíz decretou o ingreso en prisión dos dous arrestados. Sobre un deles pesa unha orde europea de detención e entrega de Romanía por feitos semellantes.
Boa parte dos obxectos que conforman o botín, aínda non foron reclamados polos seus propietarios. A Garda Civil difunde as imaxes, coa intención de que os donos poidan recoñecer as súas pertenzas.