Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous galegos son os comisarios do proxecto español da Bienal de Arquitectura de Venecia

Dous galegos son os comisarios do proxecto español da Bienal de Arquitectura de Venecia

A Bienal de Arquitectura de Venecia celébrase do 10 de maio ao 23 de novembro

Internalities, nome do proxecto dos arquitectos galegos, aposta polas construcións ecosostibles a través da descarbonización

G24.gal 11/05/2025 09:30

A Bienal de Arquitectura de Venecia inaugurouse este sábado, 10 de maio, e vaise celebrar ata o 23 de novembro. Dous galegos son os comisarios do proxecto español na Bienal.  Son o coruñés Roi Salgueiro e o pontevedrés Manuel Bouzas, quen en febreiro gañou o Premio Princesa de Xirona de Artes.  

O pavillón español abriu este sábado as súas portas para amosar a súa aposta polas construcións ecosostibles a través da descarbonización. Internalities é a palabra que encabeza o pavillón español, é o nome do proxecto. Para esta exposición, os dous arquitectos galegos reestruturaron a nave dos xardíns públicos de Venecia; 500 metros cadrados divididos nun espazo central e dúas salas laterais anexas.

Segundo explicaron Bouzas e Salgueiro Internalities, as internalidades, refírense "ás arquitecturas que reverten as externalidades medioambientais", é dicir, as arquitecturas que reparan o dano medioambiental que xa está feito.

A nave central de Internalities expón dezaseis casos concretos. Son proxectos recentes dos dous arquitectos galegos realizados en España e tamén no estranxeiro. Son proxectos nos que as arquitecturas reparan a través do uso dos materiais como, por exemplo, da madeira nun realizado en Xirona; da pedra seca nun realizado en Almería e do formigón nun realizado en Palma de Mallorca.

O obxectivo destes arquitectos é traballar "cos recursos que proporciona o propio territorio e construír arquitectura de peso, con bóvedas e pilastras, que reduzan as emisións causados polos materiais importados", explican.

As naves laterais, nas que se expón o proxecto español, amosan cinco traballos de investigación creados arredor das palabras "materiais", "oficios", "residuos" e "emisións".

O estudo sobre materiais é sobre unha investigación da madeireira na cornixa Cantábrica. O traballo sobre emisións e residuos vai seguir o rastro de CO2 dunha infraestrutura das Illas Baleares desde a súa construción ata a súa demolición,  e o que se ocupa dos oficios explica como as industrias de proximidade da zona mediterránea logran ser competitivas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade