"Proxectar", xornadas internacionais de deseño industrial en Nigrán
O deseñador británico Jon Marshall, socio da axencia Pentagram, particiou neste encontro
Profesionais, estudantes e público achegáronse aos procesos creativos de cinco deseñadores de prestixio
Dous días de xornadas de deseño industrial reuniron en Nigrán profesionais do sector e tamén da arquitectura, a paisaxe e a artesanía. A primeira edición do programa "Proxectar" estivo dirixida a profesionais e público xeral interesado nos procesos de creación de diferentes produtos.
Deseñadores como Jon Marshall, da axencia internacional Pentagram, ou a ceramista Paula Ojea, premio Nacional de Artesanía, participaron durante dous días nas xornadas "Proxectar" onde compartiron co público a súa maneira de crear. Na sesión do sábado os arquitectos do estudo Estar presentaron o proceso dunha intervención na conca mineira asturiana. A integración da obra na súa contorna, non só física senón tamén emocional, é para eles o punto de partida.
"Fixemos unha peza que está xusto enfronte ao pozo histórico. É un espazo circular onde hai un banco nun espazo semitransparente que recorda as estruturas preexistentes da minaría", explica Aurora Armental Ruiz, do estudo de arquitectura Estar, de Santiago de Compostela
"Cada un aproxímase dun xeito diferente. O noso é partir do lugar, entender o espazo a súa historia e non só o que vemos agora, senón tamén os trazos do pasado e os posibles futuros que nacen deses pasado", asegura Stefano Ciurlo Walker, do mesmo estudo.
Tamén o deseñador vigués Tomás Alonso, que traballa desde Londres para firmas internacionais deu a coñecer a súa metodoloxía e experiencia á hora de facer unha proposta creativa.
"Quero crer que máis ca unha marca visual o que nos distingue é unha marca de proceso, de como facemos as cousas. E despois cambia moito o tipo de contexto, o que pode ser deseñar un lámpara para Hermès, que é unha marca de luxo a outros. Tamén temos proxectos que fixemos con Ikea, temos outros que facemos con galerías, para clientes privados, proxectos de tenda... Entón son mundos moi diferentes pero é a maneira de buscar unha solución que sexa apropiada"
O formato de proximidade das xornadas, con 60 asistentes, permitiulles aos profesionais e estudantes dialogar cos deseñadores sobre o éxito dos seus procesos de creación.