Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous feridos en dous accidentes na parroquia santiaguesa de Laraño

Dous feridos en dous accidentes na parroquia santiaguesa de Laraño

Para os veciños os sinistros son unha mostra da inseguridade viaria da zona

Quéixanse de que a estrada é moi estreita e piden solucións ao Concello

 

G24.gal 09/01/2026 14:49

Nas últimas horas unha colisión frontal e unha saída de vía acabaron con dúas persoas feridas na parroquia santiaguesa de Laraño. Son os últimos sinistros a sumar a unha longa lista de accidentes nesta vía, que ademais soporta unha alta densidade de tráfico.

"Levamos seis feridos e moitísimos sinistros nesta estrada de Laraño. Dubido que en todo o concello de Santiago haxa unha calzada con este nivel de perigosidade e sinistralidade", lamenta Julio Luis Fernández, presidente da asociación veciñal A Xunlla de Laraño.

O principal problema está no ancho da estrada, que non ten división de carrís, e pola que dificilmente poden pasar dous vehículos ao tempo.

"Consideramos que non ten ancho suficiente, e menos para tanto tráfico, ou para buses ou camións. Se pasa un, aparta o outro. Tampouco hai beirarrúa nin beiravía, os veciños están demandando tamén pasos de peóns".

Con estas cruces, os veciños de Laraño queren advertir do perigo que corren os peóns que van por esta estrada cando van botar o lixo ou coller o autobús.

"Hai perigo. A unha veciña de Casa do Monte déronlle cun retrovisor e tirárona. Temos que andar pola estrada porque non hai oco para peóns".

As queixas foron trasladadas ao Concello no mes de novembro, que dixo que estudaría o tema. Pero aos veciños tárdalles que alguén poña solucións. Temen que, de seguir, así haxa que lamentar unha desgraza nunha estrada que moitos usan como atallo para acceder ao centro de Santiago.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade