Catro feridos, dous deles detidos, nunha liorta nun local de ocio nocturno de Lugo
Os dous detidos, un cliente que intentou mediar na lea e a parella do propietario do pub, precisaron asistencia médica
A policía trata de esclarecer se o caso está relacionado cun axuste de contas por drogas
Ademais desta pelexa houbo dúas redadas en dous históricos 'after' da cidade, e os veciños reclaman solucións
Unha pelexa nun local de ocio nocturno lucense esta fin de semana concluíu con catro feridos. Dous deles foron detidos polas autoridades.
O conflito iniciouse cando o propietario do local lle pediu a un mozo que abandonase o establecemento debido á súa implicación en anteriores altercados.
Mentres discutían, o cliente sacou un coitelo de grandes dimensións e enfrontouse ao responsable do local. Nun momento da lea, segundo as testemuñas, o propietario conseguiu arrebatarlle o coitelo e atacou ao mozo.
Cando chegaron os axentes, o mozo que supostamente sacara o coitelo fuxira; porén, foi localizado pouco despois con feridas graves e tivo que ser trasladado ao HULA en ambulancia.
Outro cliente intentara mediar no conflito, pero non puido evitar ser ferido, xunto cos implicados na liorta e a parella do propietario do pub.
O mozo de 23 anos e o propietario do local foron detidos pola policía. Os axentes continúan investigando para esclarecer se o caso pode estar relacionado cun axuste de contas por drogas.
Problemas co ocio nocturno da cidade
Non foi o único incidente na fin de semana. Tamén houbo redadas e pelexas ás portas de dous históricos after da cidade. Os veciños din que non poden máis.
"O camiño é a actividade policial, a vixilancia, a sanción, para que non siga sucedendo", explica Luis Latorre, da asociación Lugo Monumental. "Temos un momento agora que non é bo pero esperemos controlalo coa actuación policial e coas denuncias dos propios establecementos", engade.
"Non ten sentido que sigan concedéndolles licenzas de cafeterías a estes establecementos, ten que haber máis control", comenta Fernando Toubes da asociación SOS Milagrosa.
Os veciños din que van aumentar a presión, e piden solucións xa para un problema que arrastran desde hai dúas décadas.
"É fundamental solucionar un tema de salubridade veciñal e de seguridade veciñal", asegura Toubes.
Hai veciños que levan anos sen poder durmir. Reclaman unha ordenanza cívica que endureza as sancións, cámaras de vixilancia e patrullas policiais a pé.