Dous detidos e outros dous identificados nunha liorta en Vigo e noutra na Coruña
A Policía Local da Coruña identificou dúas persoas tras unha liorta multitudinaria na zona do Obelisco
En Vigo, os axentes, detiveron dous individuos que supostamente se enfrontaron aos policías
Madrugada axitada na Coruña e en Vigo, con dúas persoas detidas e outras dúas identificadas pola Policía en senllos sucesos. Na Coruña, sobre as oito da mañá a policía local tivo que acudir á zona do Obelisco alertada dunha suposta liorta multitudinaria entre unhas dez persoas. Segundo fontes municipais, aínda que non houbo feridos, si se confiscou unha barra de ferro e un coitelo e identificaron dúas persoas.
Unha hora antes en Vigo, a Policía Local informou dunha actuación tras sorprender dous individuos ouriñando nun portal da zona centro. Cando lles chamaron a atención un deles fuxiu correndo e ao ser interceptado e supostamente caeulle un coitelo de caza e a súa funda. Nese intre apareceu o outro individuo co segundo policía e produciuse un intenso forcexeo, que rematou coa chegada de reforzos policiais. Un axente quedou ferido, cun ombreiro escordado, e os dous individuos detidos por un presunto delito de atentado contra a autoridade.