Tres menores quedaron feridos en Vimianzo ao caer dun balcón desde unha altura de catro metros
A balaustrada do balcón cedeu por causas que se descoñecen
Un deles foi trasladado en helicóptero medicalizado, outro en ambulancia e o terceiro foi derivado ao centro médico
Foto cedida polos Bombeiros de Cee
Os rapaces, de entre 12 e 14 anos estaban no primeiro andar dun edificio situado na rúa Álvaro Cunqueiro, en Vimianzo. Segundo asegurou unha testemuña que deu o aviso os menores estaban apoiados na varanda do balcón cando esta cedeu e os tres caeron desde unha altura duns catro metros.
Debido á gravidade das lesións, un dos menores tivo que ser trasladado en helicóptero medicalizado ao hospital da Coruña. Unha ambulancia trasladou outro ao hospital Virxe da Xunqueira de Cee e o terceiro recibiu atención no centro médico de Vimianzo.
Ao lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil, Policía Local de Vimianzo, Protección Civil e Bombeiros do parque comarcal de Cee. Á súa chegada constataron que non había ninguén atrapado entres os cascallos e realizaron as primeiras investigacións para tratar de esclarecer os motivos do accidente.