En liberdade os dous detidos pola lea entre seareiros do Celta e do Lión
Os dous son afeccionados do equipo vigués e foron arrestados polos delitos de lesións, desordes públicas e danos
A pelexa multitudinaria foi na zona de lecer do Areal
A Policía Nacional deixou en liberdade os dous afeccionados do Celta detidos con motivo da pelexa multitudinaria con seguidores do Lión que tivo lugar o mércores pola noite, na véspera do partido correspondente á ida da eliminatoria de oitavos de final da Liga Europa.
Así o comunicaron fontes policiais, que concretaron que foron arrestados polos delitos de lesións, desordes públicas e danos. Ambos ultras, que non pasaron a disposición xudicial, pertencen ao grupo Tropas de Breogán, supostamente involucrado na pelexa multitudinaria na zona de lecer do Areal.
Ademais da pelexa, unha decena de coches apareceron coas rodas picadas na contorna do estadio do Celta tras o partido. Todos tiñan matrículas portuguesas e, polo menos algúns, foron alugados por afeccionados franceses no seu desprazamento a Vigo, segundo as fontes policiais.